Homenaje

"Largo" En estado puro

Jesús Fuertes (Ourense 2018)

A pintura de “Largo” Torres está presidida polo desprendemento. Píntase para un mesmo en primeira instancia, pero tamén para os demais. É compartir unha creación para que provoque emocións nos outros.

Deste xeito, o receptor dunha obra pictórica pasa a formar parte da propia obra. O espectador ten asignado o seu papel, e se é amigo do autor pode acceder ao descubrimento íntimo do seu mundo máxico.

A miña posición de privilexio nacida da amizade permíteme descubrir cada obra dende ángulos distintos. Observar atentamente os detalles que en moitas ocasións non sei se son decisións do autor ou decisións que toma a propia creación, arrastrando tras ela o pintor. Hai cadros que acaban tomando o seu camiño, á marxe da vontade do pintor. Isto só se entende se somos quen de deixarnos envolver por procesos de feitizo que non podemos explicar dende a racionalidade máis estrita. Non podo ten por que ser entendido dende a razón, e o pintor ten a potestade de renunciar a dar razóns. E a obra rematada tampouco está obrigada a dar razóns. Explícase e xustifiícase por si mesma.

A pintura é para ollala. E canto máis ollas para ela, máis cousas ves. Un cadro pode estar rematado para o autor, pero para o espectador o cadro ten a capacidade de reinventarse mudando as condicións do seu estado de ánimo, a luz que recibe, a parece e a cor. Os cadros reinvéntanse a sí mesmos se lles damos a oportunidade de ser observados dende sentimentos e emocións distintas.

Coñecer persoalmente a “Largo” e as súa obra lévame a afirmar que non existen discordancias. Non pode producirse un escenario de asimetrías. O pintor e a súa obra son a mesma cousa se ambos os dous están en harmonía. Sendo así, a obra é o resultado derradeiro dunha persona que proxecta a súa vida na súa obra; e a obra define por si mesma os trazos do autor.

Formar parte do círculo de amizades dun pintor é o equivalente a ver unha obra de teatro dende o palco de honor. Pero cunha posibilidade de asistir tamén aos ensaios. Acabas comprometéndote coa propia obra porque te sentes parte da mesma, aínda que non mestures cores, nin escares o pincel pola tea.

A miña relación con “Largo” Torres confíreme privilexios que me distinguen. Teño licenza para entrar no seu estudio. É un gran momento. Con ansiedade procuro a derradeira creación. Téñoa diante miña (un óleo, unha acuarela…), sempre me estarrece esa loita do pintor coa tea ou coa carolina. Unha batalla que consiste en retorcer o feito durante anos para que, facendo o mesmo, o resultado sexa distinto.

Esta práctica repetida no tempo permíteme identificar o pensamento de Heráclito cando dixo: “Todo flúe. Todo está en constante proceso de cambio”.

Para “Largo” o seu traballo é un permanente viaxar ao mar para roubarlle os seus segredos máis profundos. Apañar un peixe e levalo dende o seu hábitat natural ao cadro, para que encaixe nunha composición na que ese peixe deixa de ser peixe para ser máis cousas. O seu traballo é un camiñar pola natureza, respirando olores e captando as súas cores. E iso non se logra sendo un intruso de fin de semana, senón sendo un ser que vive neles dende o respecto.

O seu traballo é tamén un facer e desfacer formas para que adquiran vida propia. Figuras concretas e claras que pugnan con figuras estrañas para atopar o seu sitio, coa mesma vehemencia coa que o pintor busca o seu lugar no Universo, ao que sabe que pertence.

Teño a certeza de que ser pintor é un modo persoal de interpretar a vida. E tamén sei que estar preto dun pintor é compartir a súa vida. Creo, e non me equivoco, que Marga vive o seu propio devir existencial, e tamén a vida do pintor. O resultado é unha paranoia moi saudable, onde se viven dúas vidas ao mesmo tempo. Se tivese que contestar á pregunta de quen é Torres Pato, diría con toda seguridade que Torres Pato é “Largo” en estado puro. Sen capas de pintura, nin vernices baixo os que agocharse.

"Largo" En estado puro

Anselmo Fernández Ortiz (Ponferrada 1988)

Desde un alto de Galicia, con paredes de auga e cristal transparentes, desde Ourense, José A., Torres para outros e Largo para min, ve, mira, soña, imaxina, vive, e pintao. Nin paisaxes, nin personaxes, nin a natureza, nin…, nada escapa á súa vista imaxinada, sobre todo nós, os que o rodeamos, as persoas que, sendo o que el, non somos el.

Viste todo de cores e contrastes, con tons limpos, brillantes, que nos miran en voz alta, nos chaman. Suxéitaos con estruturas de precisas liñas. Algunhas obras parecen vidreiras que fixeran entrar a luz por detrás do cadro.

Non me fai preguntarlle se lle gusta Miró.

As súas obras non son só sílabas de cor, son historias completas, contos, son narracións poboadas de detalles e símbolos. De lonxe vense de golpe e gústame, de cerca déixanse ler, pídenche o teu tempo e eu téñoo.

É: “o coleccionista de personaxes”, que son distintos para el, como na realidade. Non pode ignorar as figuras que o rodeamos en movemento e el venos desde alí e píntanos, retrátanos como só el moi ben nos ve.

Crea “Bestiarios” para a súa colección. Que de toda a súa boa obra, espertan en min o lado fetichista da icona e eu admíroos.

A súa pintura é realista de sentimento, libre de interpretación (com ael) e sempre figurativa, non pode deixar de pintar.

Eu coñecino no Bierzo, sei que el nos viu desde alí e tampouco puido deixar de pintarnos.

Que é o Largo para min?

Miguel Karballo (Tamallancos | Ourense 2018)

En primeiro lugar… un colega íntimo amigo dende fai corenta anos e dende algún menos incluso veciño da comarca dos Chaos de Amoeiro (de Bóveda el, de Tamallancos eu, núcleos lindeiros) onde ambos os dous decidimos un día vivir e traballar rodeados de natureza.

En segundo lugar, Largo (sempre para min unido ao nome da igualmente amiga Marga, a compañeira da súa vida), foi e segue sendo, porque vive no meu corazón e na miña mente, como estou seguro que vivirá na de todas as persoas que tivemos a pracer de o tratar, un artista que desfrutou con naturalidade e sinxeleza da súa arte que afrontaba con profesionalidade sincera e honesta, sen caer en tolear por éxitos e trunfos, algo que me parece moi meritorio, tendo en conta tanta adicción a competir e a desvariar de ansias de trunfo persoal, a miúdo perigosas, en que anda atuada esta humanidade actual. E fóra xa do tema profesional como pintor, o que valorei inmensamente sempre do Largo, foi ver a constancia na súa vida dun esmero e delicadeza enormes de non amargar nunca con nada, nin sequera con tristuras ou desgustos que puidese ter nos seu adentros, senón todo o contrario, e moi especialmente cando estaba coas que eramos as súas amizades de faladoiro tomando algo ou en calquera tipo de xolda, ás que, hai que recoñecer, eramos bastante afeccionados. E cousas dolorosas tamén posiblemente apañou nos últimos tempos, antes mesmo do que foi o propio decubrimento da síua grave enfermidade, que a min non hai quen me quite da cabeza que estas cousas a miúdo acaban sendo moi prexudiciais para a saúde.

E se sempre valorara enormemente tales calidades profesionais e humanas do Largo, o que xa me deixou totalmente admirado foi como soubo levar a súa doenza deica o final cunha dignidade impresionante, sen perder ese bo humor e esmero de non entristecer a ninguén xamais, senón todo o contrario. Pois isto de saber morrer aí, é algo que cada vez me parece máis grandioso nunha persoa.

Por todas estas cousas, só quero rematar manifestando: Que para min o Largo (Torres Pato) foi… e segue sendo, un grande ARTISTA, no maís amplo, profundo e transcedental senso do termo. Un tipo que se merece un aplauso enorme cada vez que o mencionemos. Así o lembro eu, especialmente neste tempo de outono que non para de mo evocar.

Carrito de compra